Sunday 12 de May de 2024

O Concello de Oroso edita un catálogo que recolle a obra de Victorino Verea e que será enviado a todos os centros de arte contemporáneo


Victorino Verea é moi apreciado no municipio xa que, ademais de facer milleiros de fotos tanto de acontecementos destacados como para actos administrativos, recoñece que “aos pobres nunca lles cobrei nada”

O centro cultural de Sigüeiro quedou pequeno para acoller a homenaxe que o Concello e a veciñanza de Oroso fixo a Victorino Verea, o primeiro fotógrafo ambulante da historia de municipio. Un acto que contou coa presenza do homenaxeado, acompañado da súa familia, xa que “estes recoñecementos se deben facer en vida, non cando morren. Así o fixemos con Isaac Díaz Pardo e así o facemos hoxe con Victorino Verea. Aquí estamos para renderlle pleitesía a esta gran persoa e á súa gran obra”, asegurou o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira.

Unha homenaxe que incluíu a realización dunha exposición, que poderá visitarse no centro cultural de Sigüeiro ata o 8 de xaneiro de 2016, e a edición do catálogo fotográfico “Victorino Verea Montero: imaxes contra o esquecemento”, que foi repartido entre os centos de veciños que ateigaron onte á noite o centro cultural. Manuel Mirás explicou que “con esta exposición e con este catálogo queremos situar a Victorino Verea no lugar que lle corresponde na historia do patrimonio visual do noso municipio. Queremos tamén aproveitar para realizarlle unha merecida homenaxe ao creador dun legado artístico e documental que contribúe a incrementar o coñecemento, a cultura e o respecto entre todos os membros da sociedade”. Ademais, tamén aproveitou para lembrar a etapa como concelleiro de Victorino Verea, recordando que “xuntos fixemos a proposta de construír un centro de Saúde en Oroso”.

Vivir da fotografía

Pola súa banda, Victorino Verea tomou a palabra para “dar as grazas a todos porque fixen tantos traballos por fora e podo dicir que non me deben nada. Só hai un sitio onde si, pero non o vou dicir”, bromeou. Verea Montero aproveito para lembrar como se iniciou na fotografía e algúns dos traballos máis especiais que fixo, como a súa visita ao Rocío (Huelva).

“A miña primeira cámara tróuxoma o meu irmán de Hawai. Ninguén tiña cámara e tiñan que ir a Santiago. Cando nacía un rapaz, tiñan que ir a Santiago. E dende que tiven eu a cámara fun facendo eu as fotos”, lembrou Victorino Verea, quen recoñeceu que “eu podía vivir da fotografía”, se ben recoñeceu que “aos pobres nunca lles cobrei nada”.
Acto emotivo

Á emotiva homenaxe realizada no centro cultural de Sigüeiro asistiron membros da corporación municipal e centos de veciños de todas as parroquias. Un acto que foi presentado polo músico e escritor Xurxo Souto, quen destacou que a obra de Victorino Verea “son fotos utilitarias, feitas para pedir a axuda de familia numerosa ou unha pensión, pero nas que soubo ver a beleza”.

Un punto no que coincidiu Manolo Pazos, responsable do Arquivo Histórico de Imaxes do Concello de Oroso e autor do catálogo fotográfico, quen destacou que “a obra de Victorino é arte, ademais de ter un gran valor histórico e antropolóxico”. O acto pechouse coa actuación musical da violinista Anna Mainska e a entrega dunha placa conmemorativa a Victorino Verea por parte do alcalde Manuel Mirás.

Datos biográficos

Victorino Verea Montero naceu o 23 de setembro de 1927 no lugar de Casas Novas, preto da aldea de Cas (San Mamede dos Ánxeles – Oroso). Foi á escola de Sar (Os Ánxeles) ata os catorce anos e logo axudou aos seus pais traballando a terra. En 1956 casou con Carmen Ferreiro Iglesias (Arderís, parroquia de Senra – Oroso) e tiveron catro fillos.

A finais de 1957, Victorino recibiu un agasallo do seu irmán José Verea Montero, embarcado no buque escola Juan Sebastián Elcano, quen lle mercou en Honolulú (Hawaii) unha cámara Kodak Brownie Hawkeye, coa que Victorino descubriu a súa afección á fotografía. Na década dos sesenta, o seu cuñado Antonio Ferreiro Iglesias, emigrado en Suíza, traeríalle unha cámara automática Zeiss Ikon contessamat SE e unha Zeiss Ikon Contaflex S. Con estas tres cámaras retratou a multitude de persoas e acontecementos.

Naquela época, as cámaras fotográficas eran pouco habituais e os que querían tirar unha foto tiñan que desprazarse ata Santiago, xa que aínda non se estableceran en Sigüeiro Foto Carvajal e José Fernando García de la Torre, os primeiros fotógrafos da vila. Na contorna transcendeu que Victorino tiraba fotos, polo que comezou a ser solicitado por veciños que precisaban fotografase, ben para lembrar un acontecemento sinalado (vodas, comunións…) ou por motivos administrativos (retratos de familia numerosa, solicitar unha pensión, fotos para mandar a familiares emigrados…). Unhas fotos que revelaban no laboratorio Bescansa de Santiago, que tardaba uns oito días.

A principios de 2015, o Concello de Oroso comezou a recompilar o seu legado en colaboración co propio Victorino e da súa familia, que cederon ao Arquivo Histórico de Imaxes un cento de fotografías en branco e negro e uns oitocentos negativos en cor, datados entre 1968 e 1982. Froito dese traballo son unha exposición fotográfica no centro cultural de Sigüeiro, que permanecerá aberta ata o vindeiro 8 de xaneiro de 2016, xunto a un catálogo de imaxes, que será enviado a todos os centros de arte contemporáneo do mundo.

Así mesmo, Victorino Verea tamén estivo 18 anos á fronte da Cooperativa del Campo de Calvente, Ángeles y San Román, así como catro anos de concelleiro en Oroso por Coalición Galega (1983-1987).